O obxectivo principal de Son de Monte é crear unha REDE de traballo entre os diferentes axentes do territorio para contribuír de xeito activo á valorización do monte. Rede que nos permita ter un espazo de debate e de deseño das liñas xerais que debe seguir a valorización do monte, debullar como debe ser a relación das persoas propietarias e da veciñanza co monte e, ademais, crear o primeiro material de divulgación para os donos e donas das pequenas propiedades forestais.
Son de Monte emerxe da unión de seis Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia para iniciar experiencias piloto de xestión do monte: a rexeneración tras un incendio, a posta en valor do rebolo e do bidueiro, a recuperación do cultivo do centeo, a multifuncionalidade, o patrimonio e a compensación do CO2 en montes comunais.